Tuesday 21 de May de 2024

Alumnado de ESO do CPI Antonio Orza Couto visitou a mostra ‘Á Violencia de Xénero dille Non’ que se expón ata hoxe no Concello de Boqueixón


 

Alumnado de ESO do CPI Antonio Orza Couto visitou a mostra Á Violencia de Xénero dille Non, que se pode visitar ata hoxe no consistorio boqueixanés. Os dous grupos de mozas e mozos asistiron nunha xornada na que, ademais de percorrer a exposición, participaron nun debate sobre aquelas situacións reflictidas nos paneis que lles resultaron máis impactantes, ou coas que identificaban máis o seu día a día.

Neste senso, dende o CIM boqueixanés, que coordinou esta visita á mostra promovida a través da Rede de entidades locais contra a violencia de Xénero, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación galega de Municipios e Provincias de Galicia, salientan a participación do alumnado. Ao mesmo tempo, agradecen a acollida recibida pola veciñanza que se amosou interesada en coñecer esta realidade social.

Durante a semana e media que a exposición leva aberta foron moitas as visitas recibidas. Entre elas tamén se atopa un grupo de adultos que asisten a un curso de informática impartido pola técnica do plan de inclusión social, Belén Piñeiro. Tamén neste caso, xerouse un pequeno debate final arredor da colección de paneis expostos, sobre os que as persoas asistentes ofreceron a súa visión sobre a influencia das novas tecnoloxías na mocidade.